iProx

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Novagalicia Banco convocan a primeira edición de iProx, Iniciativa de Proxectos Xornalísticos, co obxectivo de patrocinar traballos relacionados coa realidade socioeconómica galega. Poderanse presentar a iProx traballos de reportaxe escrita, proxectos de radio, audiovisual ou fotográficos, ou relacionados coas novas tecnoloxías (web, redes sociais).

Calquera colexiado ou colexiada do CPXG, ou calquera licenciada ou licenciado en Ciencias da Comunicación ou Xornalismo pode formalizar a súa inscrición en iProx mediante a presentación dun proxecto cunha pequena descrición e orzamento aproximado. O xurado fará unha selección desas primeiras propostas e seleccionará as propostas que considere para unha segunda fase, na que se terá que describir o proxecto máis polo miúdo. Os traballos poderán ser presentados por unha ou varias persoas.