Volver

Catro proxectos sobre minaría, emigración, despoboamento e ciencia, gañadores da primeira edición das bolsas iProx

Cada unha recibirá unha dotación de 1.500 euros para iniciar o seu desenvolvemento, segundo informou o decano do Colexio, Xosé Manuel Pereiro, nunha rolda de prensa no Centro Social de Novacaixagalicia na Praza de Cervantes de Santiago, acompañado por María Solar e Amalia Baltar, membros do xurado. Os outros profesionais de distintos sectores da comunicación que formaron parte do xurado son Rosa Aneiros, Belén Regueira, María Solar, María Yáñez, Xurxo Lobato, Antón Lopo, Tomás Morán, Blanca Gefaell, Suso Iglesias e Manuel Gago, ademais de Luis Franqueira en representación de NGB.

Miríades é un proxecto, coordinado por Xurxo Salgado e Manuel Vilas, con dúas vertentes: unha técnica, co desenvolvemento dunha plataforma de distribución de contidos multimedia en HD, e unha de contidos, elaborando reportaxes sobre a minaría en Galicia como mostra do potencial da plataforma.

Viaxe aos recordos, a proposta de Belén Blanco e Xela Cuñarro, céntrase en analizar a inmigración galega a través do caso de Mercedes Bastón, viúva dun home que traballou, viviu e morreu en Holanda hai 30 anos. Mercedes nunca estivo neses lugares, pero as descricións del nas súas cartas graváronselle na memoria.

Galicia Soa consiste na elaboración dun libro dixital para dar a coñecer a realidade socioeconómica de zonas da Galicia interior que están a quedar despoboadas. Incluirá fotografías, textos podcasts e mapas interactivos con xeolocalización. Un documento no que participarán Benjamín López, José Antonio Pardiñas, Tomás Montes e Susana Pardiñas.

Galicia Search, por último, busca, da man de Eduardo Rolland e Pablo López Campos, a posta en marcha dun portal informativo de ciencia galega. A web, en galego, castelán e inglés, incorporará cada semana reportaxes sobre equipos de investigación, unha entrevista, unha tribuna aberta, un videoblog, ademais dunha sección de novas actualizada diariamente.

Xosé Manuel Pereiro destacou o feito de que boa parte dos trinta proxectos presentados xiraban arredor de eixos temáticos moi concretos: A promoción dos novos tipos de empresa e aproveitamento dos sectores produtivos, o avellentamento do rural, a emigración, a xestión da memoria cultural e o papel da muller. "Practicamente todos se podían encadrar neses apartados, o que dá idea dos intereses dos profesionais da información, e tamén dos temas que botan de menos nas axendas dos medios".

A continuación, a xornalista María Solar deu lectura a lista de proxectos gañadores. Amalia Baltar, pola súa banda, matizou que pola dificultade de escoller houbo proxectos de moito interese que quedaron excluídos, porque a súa grande ambición e complexidade facía inviable que se realizasen coa cantidade que lles correspondería en base aos de apoios que tiveron entre o xurado, xa que a cantidade total das bolsas é de 6.000 euros.

Os proxectos seleccionados terán que comezar a desenvolverse de xeito inmediato, e terán que estar rematados a finais de novembro. A súa difusión terá que facerse de acordo coa organización do iProx.

As bolsas iProx son resultado dun convenio de colaboración asinado a finais de 2012 entre Novagalicia Banco e o Colexio de Xornalistas para a creación, organización e posta en marcha desta bolsa para xornalistas licenciados e/ou colexiados, froito do interese de Novagalicia por promover e dar saída a proxectos de comunicación que por causa da situación actual non poden ver a luz. O CPXG, como entidade que representa aos xornalistas galegos, entre cuxas funcións está a de tratar de mellorar as condicións nas que os xornalistas levan a cabo os seus traballo, quixo ser o vehículo condutor da iniciativa, e agradece profundamente a Novagalicia Banco o seu interese por fomentar os proxectos innovadores dos profesionais da comunicación de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013