Miriades.net nace para fornecer contidos multimedia en HD aos profesionais da información
Como mostra da potencialidade da plataforma desenvolvida polo equipo de Xurimaru, en Miriades xa se poden descargar material audiovisual sobre o conflito da mina de Corcoesto, incluído un documental de 34 minutos.
Cada día centos de notas de prensa chegan ás redaccións, a maioría comunicados de institucións pero tamén notas de prensa de colectivos cidadáns. Sen embargo, as fontes que proporcionan contidos multimedia son moi poucas, e case todas institucionais. Miriades.net busca rachar este cuasimonopolio facilitando que calquera fonte poida colgar vídeos, fotos e audio de alta calidade para a súa descarga e reutilización por parte dos xornalistas.
Por exemplo, na plataforma xa hai un pequeno documental sobre o proxecto da macromina a ceo aberto de Corcoesto (Cabana de Bergantiños). Ademais, tamén se poden descargar en formato HD os recursos dese documental (entrevistas planos de recurso, etc.) para que calquera televisión os poida editar ao seu xeito. Dúas ducias de fotografías en alta resolución, cortes de audio das entrevistas e catro pezas escritas sobre o conflito mineiro tamén están dispoñíbeis en www.miriades.net para a súa reutilización.
Unha bolsa iProx outorgada polo Colexio de Xornalistas de Galicia e Novagalicia Banco fixo posíbel o desenvolvemento de Miriades con unha axuda de 1.500 euros. No desenvolvemento da plataforma colaboraron Xurxo Salgado (coordinación e produción), Manuel Vilas (redacción, fotografía e guión documental), Xosé Bocixa (realización, edición e guión documental), Ozono Multimedia (deseño e programación) e Miguel Nuñez (fotografía).
O equipo quere agradecer, ademais da concesión da bolsa, a colaboración de todos os veciños de Corcoesto -tanto dos que están a favor como os que están en contra da mina- pola súa colaboración neste traballo.