Volver

Unha trintena de proxectos presentáronse á primeira edición das bolsas iProx

O xurado, composto por once profesionais da comunicación provenientes de todos os distintos campos do xornalismo, ademais dun representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e outro de Novagalicia Banco, estudará nos vindeiros días os proxectos presentados para escoller a iniciativa ou iniciativas gañadoras. O fallo farase público o vindeiro 16 de xullo nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela.

O proxecto ou proxectos elixidos recibirán unha contía mínima de 1.000 euros e máxima de 6.000. En calquera caso, a suma total das bolsas non poderá pasar desta última cantidade.

Con esta innovadora convocatoria o CPXG e Novagalicia Banco queren fomentar as iniciativas xornalísticas sobre a realidade socioeconómica de Galicia, promovendo a realización de novos proxectos de comunicación sobre esta temática. Os proxectos abarcan todo tipo de soportes dende prensa escrita ata radio, audiovisual, fotográficos, ou relacionados coas novas tecnoloxías (web, redes sociais).

A finais de 2012, Novagalicia Banco e o Colexio de Xornalistas asinaron un convenio de colaboración no que se incluía a creación, organización e posta en marcha desta bolsa para xornalistas licenciados e/ou colexiados, froito do interese de Novagalicia por promover e dar saída a proxectos de comunicación que por causa da situación actual non poden ver a luz. O CPXG, como entidade que representa aos xornalistas galegos, entre cuxas funcións está a de tratar de mellorar as condicións nas que os xornalistas levan a cabo os seus traballo, quixo ser o vehículo condutor da iniciativa.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2013