Miriades
Miriades é unha plataforma coordinada por Xurxo Salgado e Manuel Vilas, con dúas vertentes: unha técnica, con distribución de contidos multimedia en HD, e unha de contidos, elaborando reportaxes sobre a minaría en Galicia como mostra do potencial da plataforma.
Miriades foi concebido como un gabinete de prensa multimedia en alta definición. Os administradores -creadores de información- poden subir contidos informativos en formatos profesionais para divulgalos entre o público obxectivo, que son os traballadores dos medios.
Para mostrar as potencialidades de Miriades, desenvolvimos un proxecto comunicativo sobre a polémica da minaría en Galicia, en concreto da Mina de ouro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños).
Con Miriades calquera usuario autorizado pode crear e divulgar o seu proxecto informativo. O sistema está pensado para axudar a equipos de xornalistas freelance a divulgar os seus contidos. Tamén pode ser explotado por parte de plataformas cidadáns, ou outras fontes, para facer chegar a súa menxase aos medios de comunicación dun xeito eficaz, rápido e con formato profesional.
O formato é especialmente relevante no referido ao vídeo. Até o de agora, calquera fonte informativa cos recursos humanos adecuados podía facer chegar textos, cortes de audio e fotografías con calidade dabondo para seren reproducidos directamente polos medios. Con Miriades tamén é moi doado subir á Rede e facer chegar vídeos as televisións con calidade suficiente para seren reproducidos directamente nos telexornais.