Volver

Nacen GCiencia, Miriades e Viaxe aos recordos, os proxectos das bolsas iProx

O portal Gciencia, de Eduardo Rolland e Pablo López Campos, é unha web informativo de ciencia galega, en galego, castelán e inglés, que trata de contar as novas sobre investigación que teñen lugar en Galicia e trasmitilas á sociedade.

Miríades é unha plataforma coordinada por Xurxo Salgado e Manuel Vilas, con dúas vertentes: unha técnica, con distribución de contidos multimedia en HD, e unha de contidos, elaborando reportaxes sobre a minaría en Galicia como mostra do potencial da plataforma.

Viaxe aos recordos recolle o traballo de investigación de Belén Blanco e Xela Cuñarro centrado na análise da a inmigración galega nun caso en concreto, o de Mercedes Bastón, viúva dun home que traballou, viviu e morreu en Holanda hai 40 anos. A web recolle as experiencias de Mercedes percorrendo os lugares onde estivo o seu marido anos atrás.

A finais de decembro presentarase o cuarto e último proxecto iProx, Galicia Soa, no que aínda están a traballar.

As bolsas iProx son resultado dun convenio de colaboración asinado a finais de 2012 entre Novagalicia Banco e o Colexio de Xornalistas para a creación, organización e posta en marcha desta bolsa para xornalistas licenciados e/ou colexiados, froito do interese de Novagalicia por promover e dar saída a proxectos de comunicación que por causa da situación actual non poden ver a luz. O CPXG, como entidade que representa aos xornalistas galegos, entre cuxas funcións está a de tratar de mellorar as condicións nas que os xornalistas levan a cabo os seus traballo, quixo ser o vehículo condutor da iniciativa, e agradece profundamente a Novagalicia Banco o seu interese por fomentar os proxectos innovadores dos profesionais da comunicación de Galicia.

Para contactar cos responsables dos proxectos: xornalistas@xornalistas.com ou no 981935670

CPXG